h1


Lugo, 5 de setembro de 2015.- O Sergas dotará ao Servizo de Cardioloxía do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos dun novo ecocardiógrafo, cuxo importe de adquisición rondará os 50.000 euros. O Sergas sacou a licitación o subministro de equipamento electromédico con destino a varios centros hospitalarios galegos, entre o que se inclúe a dotación dun novo ecocardiógrafo dixital para o Hospital de Monforte, un centro no que cada ano se realizan preto de 1.800 ecocardiogramas.

O novo equipo, que incorpora tecnoloxía dixital e novas aplicacións médicas, suporá unha importante mellora na atención sanitaria que se presta no Hospital de Monforte. A calidade da imaxe obtida con este tipo de equipos médicos permitirá realizar diagnósticos máis precisos e seguros, evitando nalgúns casos a utilización doutras probas diagnósticas máis invasivas para o paciente, o que implicará unha gran mellora para o Servizo de Cardioloxía do Hospital de Monforte e dotará aos seus profesionais dun método diagnóstico moi avanzado e  preciso, axudándolles non só ao diagnóstico de posibles patoloxías, senón tamén a planificar o seu tratamento.

A ecocardiografía é a técnica máis accesible e útil para o diagnóstico de calquera enfermidade do corazón. As patoloxías cardiovasculares constitúen, na actualidade, unha das principais causas de morte nos países occidentais. As técnicas de imaxe, como a ecocardiografía dixital, demostraron un papel decisivo no diagnóstico precoz das enfermidades cardiovasculares, sendo fundamentais para detectar a tempo a presenza de patoloxías.

A ecocardiografía preséntase como o sistema máis eficaz para o estudo funcional e anatómico do corazón. Trátase dun examen non invasivo e indoloro  que, a través de ondas de ultrasóns, proporciona información moi importante sobre a anatomía do corazón e dos vasos sanguíneos, así como sobre o seu funcionamento.  O equipo que se vai adquirir ofrece imaxes en tempo real e en movemento deste órgano vital, que ademais poden ser almacenadas para volver a ser usadas. Permite ver o corazón en movemento, o seu funcionamento, tamaño, as características das estruturas intracardíacas, detectar cardiopatías conxénitas, diagnósticar lesións coronarias, comprobar a forza de bombeo do corazón, identificar problemas valvulares do corazón, coágulos de sangue e mesmo tumores dentro deste órgano vital.

Ademais da súa función diagnóstica, a ecocardiografía é útil no seguemento de pacientes afectados por enfermidades do miocardio, accidentes cerebrovasculares ou hipertensión.

Servizo de Cardioloxía

O Servizo de Cardioloxía do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos conta con dous cardiólogos, ademais de persoal de enfermería e outro persoal.

Durante o ano pasado, os profesionais deste servizo hospitalario atenderon preto de 3.000 consultas externas, das que 1.378 corresponderon a primeiras consultas. Ademais, os facultativos do Servizo de Cardioloxía do Hospital de Monforte atenderon 171 pacientes ingresados nesta especialidade, aos que se lles realiza o correspondente seguemento e consulta intrahospitalaria.

Ao longo dun ano, os cardiólogos do Hospital Comarcal de Monforte realizan preto de 1.800 ecocardiogramas.

Ademais de coa próxima incorporación dun ecocardiógrafo dixital para as consultas do Hospital de Monforte, o Sergas, dentro da súa liña de potenciación dos hospitais comarcais e de achegamento das prestacións sanitarias a todos os cidadáns, reforzou o Servizo de Cardioloxía do Hospital de Monforte, coa apertura dunha nova consulta neste servizo, o que está a permitir atender de xeito máis áxil e eficaz á poboación da área sanitaria sur da provincia de Lugo.