h1

Monforte (Lugo), 16 de xullo de 2014.- A implantación dos plans de eficiencia enerxética e do Proxecto Ecospital -para incorporar a biomasa forestal como fonte de enerxía- nos hospitais de Monforte, A Costa (en Burela) e Calde (en Lugo) permitirá un aforro de 1.295.000 euros na próxima década; e a substitución do gasóleo por biomasa, unha redución nas emisións de gases de efecto invernadoiro (CO2) de 1.560 Tn/ano.

 

Así o anunciaron hoxe a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que visitaron esta mañá as obras da caldeira de biomasa do Hospital Comarcal de Monforte. Neste sentido, a titular de Sanidade destacou que o consumo de biomasa para fins térmicos nestes centros estímase en 1.500 toneladas anuais, e que potencialmente levará asociado a xeración duns 14 postos de traballo e a limpeza de máis de 830 hectáreas de monte.

 
Grazas a esta medida, explicou, pásase dun modelo tradicional de subministración de combustible fósil, derivado do petróleo, a un modelo prestacional con requirimentos de enerxía térmica xa transformada, usando combustibles renovables como a biomasa. O obxectivo é substituír o consumo de 550.000 litros anuais de gasóleo por 1.500 toneladas anuais de biomasa, acadando un 30% de aforro económico.
 
Estratexia Integral de Impulso da Biomasa Forestal
Pola súa parte, o conselleiro de Economía e Industria enmarcou este avance na Estratexia Integral de Impulso da Biomasa Forestal, coa que o Goberno galego busca poñer en valor o monte galego estendendo o uso da biomasa nos eidos privado e público, con exemplos como o proxecto para instalar un sistema de district heating no complexo administrativo de San Caetano.
 

Destacou ademais o impacto positivo de aposta pola biomasa en termos de emprego no rural, de creación dunha industria a partir do aproveitamento das materias primas galegas, de prevención de incendios forestais, de respecto do medio ambiente, e de aforro de custes, que pode ser de ata un 65 % respecto ao gasóleo ou un 45% respecto ao gas natural.

Conde salientou o éxito dunha das primeiras medidas da Estratexia, a orde de axudas para instalar caldeiras de biomasa no rural, cuns apoios de 10 millóns de euros que se esgotaron en só tres horas desde o inicio da convocatoria, ante o enorme volume das peticións. Finalmente, os fondos permitirán atender 550 proxectos, que se suman a iniciativas públicas de gran calado como a dos hospitais de Monforte, Burela e Calde. 

 
Instalación dos novos equipos
O adxudicatario da contratación -Elecnor, S.A.- investirá máis de 1,8 millóns de euros en novos equipos técnicos, sistemas de almacenamento e de dosificación da biomasa, sistemas de filtración de gases de combustión e bombas de alta eficacia para transporte e regulación da enerxía.
 
No Hospital de Monforte os novos equipos de biomasa e o silo instalaranse nun novo edificio anexo á sala de caldeiras. Actualmente, o consumo de gasóleo é de 292.000 l/ano; mentres que o consumo estimado de biomasa (en lascas) é de 876 Tn/ano, polo que a diminución de gases de efecto invernadoiro será de 818 toneladas anuais.
 
Os hospitais da rede pública sanitaria galega supoñen máis da metade do consumo enerxético da Xunta de Galicia, a meirande parte, con combustibles caros e contaminantes. Isto, xunto coas constante subidas das tarifas enerxéticas, tradúcese nun gasto anual de máis de 30 millóns de euros.
 
Plan Integral de Eficiencia Enerxética do Sergas
Rocío Mosquera explicou que o incremento de consumo dos centros hospitalarios débese a factores como o incremento da tecnificación da medicina, tanto na parte diagnóstica coma na cirúrxica; ás crecentes demandas de maior confort térmico e ventilación, polos novos requisitos normativos e ás demandas dos usuarios e profesionais; e ás altas esixencias de fiabilidade, dispoñibilidade e seguridade destas instalacións.
 
Para frear esta escalada e acadar un sistema enerxético eficiente e flexible impulsouse o Plan Integral de Eficiencia Enerxética (PIEE) do Servizo Galego de Saúde -no que se enmarcan os plans dos centros de Monforte, Burela e Lugo, adxudicados o pasado mes de abril-, para “adoptar unha decisión de calado, con visión de futuro, baseada na mellora tecnolóxica, no consumo responsable e na incorporación progresiva de fontes enerxéticas renovables”, explicou a conselleira. Así mesmo, anteriormente adxudicáronse os plans de eficiencia enerxética dos centros hospitalarios de Santiago (adxudicado en 2012) e Ferrol (adxudicado en 2013).
 
O PIEE, que conta coa colaboración técnico-económica do INEGA, permite integrar nun único contrato a xestión do subministro enerxético prestacional e o servizo de mantemento; afrontar as actuacións de mellora e renovación das instalacións que sexan necesarias; reducir o custo do subministro eléctrico, contribuíndo á sustentabilidade do sistema sanitario público; promover o respecto ao medio ambiente; e garantir o confort e a habitabilidade das instalacións sanitarias.
 
Trátase dun proxecto pioneiro en España dentro do Sistema Nacional de Saúde, e o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade está a tomalo como referencia para a súa promoción noutros servizos de saúde.

 

GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE SANIDADE