h1

Recoñece novamente o seu labor de protección e compromiso co medio ambiente

O Hospital da Costa foi o primeiro hospital público galego en dispor deste recoñecemento pola súa aposta pola protección do medio no que se empraza


Lugo, 27 de xullo de 2015.- O Hospital da Costa vén lograr a renovación da certificación ISO 14001 que acredita a calidade da política de xestión medioambiental implantada e desenvolvida neste centro hospitalario. Coa consecución desta renovación, que concede a Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR) trala realización das correspondentes auditorías, o Hospital da Costa afiánzase como un centro comprometido coa protección do medio no que se empraza.


No ano 2004 o Hospital da Costa convertíase no primeiro centro público de Galicia en dispor deste recoñecemento polos seus compromisos de protección do medio medio ambiente. A concesión deste certificado, que agora se vén de renovar, supúxolle ao Hospital da Costa o dereito de uso da marca AENOR de xestión medio ambiental, que evidencia a conformidade do seu sistema de xestión medio ambiental coa norma UNE-EN ISO 14001:1996.


Á renovación da certificación ISO é un recoñecemento tácito ao empeño e dedicación de todo o persoal do Hospital da Costa na procura dunha mellora continua da súa política medio ambiental, garantindo unha xestión de residuos acorde co estrito cumprimento da lei, así como implantando, desenvolvendo, revisando e mantendo ao día os compromisos adquiridos de protección do medio ambiente.


Os obxectivos da política de xestión medio ambiental do Hospital da Costa están orientados a minimizar o impacto das súas actividades no medio que o rodea; manter unha política de respecto e compromiso permanente coa normativa medio ambiental; desenvolver procedementos de mellora do medio ambiente; realizar unha xestión adecuada dos residuos e minimizar a súa produción; maximizar a reciclaxe, recuperación e reutilización; divulgar a política medioambiental do hospital; favorecer a implicación e concienciación dos traballadores e usuarios; fixar obxectivos medio ambientais e analizar o seu cumprimento, así como a eficacia do seu sistema de xestión como garante da mellora das condicións medio ambientais do seu contorno e de protección da saúde da poboación.


Para conseguir todos estes obxectivos, que lle valeron o recoñecemento de AENOR e a consecución da certificación ISO, o Hospital da Costa elaborou un manual de xestión medioambiental, resultado de estudios previos realizados sobre distintos aspectos relacionados coa xestión medioambiental do centro, tales como emisións realizadas (de ruído, de gases a atmosfera...), estudios de consumos de auga, enerxía, combustible, estudios das actividades levadas a cabo e dos distintos tipos de residuos xerados...


De acordo cos resultados destes estudios confeccionouse un manual de xestión medioambiental e estableceuse un plan de acción, seguindo as pautas marcadas pola norma UNE-EN ISO 14001. O sistema de xestión establecido supón que, cada un dos impactos medioambientais e cada unha das accións a seguir polo hospital conleva un determinado proceso de actuación (procedemento de xestión de ruídos, procedemento de xestión de residuos, procedemento de xestión de augas residuais...).


Residuos

Froito da gran actividade asistencial que neles se desenvolven, os centros hospitalarios xeran cada día unha gran cantidade de residuos, que son clasificados, tratados e transportados segundo a clase á que pertencen. Todos os residuos son clasificados no seu punto de produción e, posteriormente, tratados en función do tipo. Polo tanto, a súa correcta segregación e clasificación, a súa manipulación e a acumulación no envase adecuado, son claves para conseguir unha xestión adecuada e minimizar o impacto medio ambiental, obxectivo primordial do Hospital da Costa.


O Hospital da Costa ten establecido un sistema de avaliación constante, que lle permite realizar un seguimento continuo dos impactos ambientais e das accións levadas a cabo na xestión e control dos residuos xerados no centro.

 

 

GABINETE DE COMUNICACIÓN