h1

Lugo, 29 de setembro de 2020.-  O Hospital Universitario Lucus Augusti vén de recibir o Premio Nacional de Medicina Século XXI á mellor atención hospitalaria. O HULA foi un dos galardonados na III edición dos premios nacionais de Medicina Século XXI de El Suplemento. Estes premios teñen como finalidade promover a excelencia e o coñecemento a través da docencia, a investigación, a atención ao paciente e o networking proactivo.  O premio foi recollido por Ramón Ares Rico, xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, en compañía do director asistencial da área sanitaria, Rafael Monte Secades.

O xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico, foi o encargado de recoller este galardón, no transcurso dunha gala celebrada onte en Madrid. Ares Rico apuntou que a concesión desta distinción de carácter nacional resulta “un estímulo para seguir a traballar a prol da sanidade pública e da mellora da saúde das persoas, sobre todo nun momento tan crucial como o que estamos vivir pola pandemia da Covid-19”.

Os profesionais e colectivos premiados neste certame abranguen as máis variadas áreas sanitarias, que destacaron por traballar a diario con gran dedicación nun sector que loitou en primeira liña contra a pandemia da Covid-19.  Con estes galardóns preténdese dar visibilidade ao esforzo a profesional e persoal de todos aqueles que demostraron que un bo liderazgo e unha boa xestión fai posible avanzar cara a excelencia e poñen en valor o noso tecido profesional como exemplo a seguir. 

Os premios nacionais de Medicina Século XXI supoñen pois un recoñecemento ao labor, que desde o ámbito médico, científico e formativo exercen os profesionais da saúde e un acicate para continuar na senda de mellorar, desde o ámbito de cada un, unha medicina baseada na evidencia científica e no exercicio responsable. 

Durante a entrega dos premios, que recolleu o doutor Ares Rico,  salientouse que o Hospital Universitario Lucus Augusti atende a unha poboación de máis de 200.00 habitantes no seu distrito sanitario, sendo centro de referencia para os 330.000 habitantes da provincia, que conforman a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos. O HULA, inaugurado en 2011 con máis de 800 camas, dispón dunha carteira de servizos completa, cunha importante e actualizada dotación humana de máis de 3.200 profesionais (18% deles facultativos) e unha moderna e ampla dotación técnica.

Así mesmo, recoñeceuse o traballo realizado día a día neste centro sanitario, que dende os seu inicio traballa na digitalización e eliminación do papel. Diariamente, neste centro realízanse unhas 2.600 consultas hospitalarias, unhas 100 intervencións cirúrxicas (75% programadas), máis de 1.700 probas diagnósticas, preto de 300 urxencias, 103 visitas de HADO, 232 sesións de hospital de día e máis de 670 estancias hospitalarias, entre outra actividade.

Na concesión deste galardón tamén se resalta a implicación do HULA na integración asistencial cos servizos de Atención Primaria, cos restantes hospitais da súa área e cos dispositivos socio-sanitarios, mediante diversos programas específicos como o sistema HERMES con Atención Primaria e o programa ARIADNA de xestión da cronicidade. Ademais, destaca o seu modelo de xestión e atención, que se orienta á calidade total e á mellora continua. 

O HULA dispón, neste momento, da certificación AENOR na norma de xestión de riscos dos servizos de Esterilización, Unidade de Saúde Mental, Unidade de Mama, Rehabilitación Cardíaca e Hospitais de Día de Onco-Hematoloxía del HULA, incluidos os dous hospitais comarcais e a súa área de hospitalización. Tamén dispón de certificacións do laboratorio, informática, medio-ambiente e cociña, e acreditación de distintas especialidades polas súas sociedades científicas.

A concesión deste recoñecemento nacional á atención hospitalaria que se presta neste centro supón, polo tanto, un importante estímulo para seguir a traballar na mellora da atención que dende este centro a todos os cidadáns da provincia e, máis ainda, nestes momentos de crise sanitaria derivada da pandemia da Covid-19.


SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN