h1

Recolle recomendacións sobre as técnicas máis eficientes para a administración oral das distintas presentacións farmacéuticas

A guía, que tamén pode consultarse on-line, será distribuida en todos os servizos hospitalarios para facilitar o traballo dos profesionais da enfermería

Foi presentada polas súas autores no transcurso da XX Xornada da Escola Universitaria de Enfermería de Lugo, celebrada está no HULA

Lugo, 29 de abril de 2015.- Profesionais da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos presentaron a Guía de enfermería para la administración oral de medicamentos, un texto elaborado conxuntamente por persoal de enfermería e farmacia do Servizo Galego de Saúde na provincia de Lugo.

O acto de presentación desta guía, que consta de 700 páxinas, tivo lugar no transcurso da XX Xornada da Escola Universitaria de Enfermería de Lugo, celebrada esta mañá no Hospital Universitario Lucus Augusti e que contou coa asistencia de máis de 300 estudiantes e profesionais da enfermería de toda a provincia.

A Guía de enfermería para la administración oral de medicamentos foi redactada polas enfermeiras Rosa María Blanco López, Isabel Díaz Penelas, Victoria Cuiña Cotarelo e Laura Díaz Pardo, así como pola farmacéutica Laura Villaverde Piñeiro. O texto, en formato papel, foi editado coa colaboración de Novartis, e será distribuido en todos os servizos hospitalarios e de atención primaria, aínda que tamén pode consultarse on-line.

A administración de medicación constitúe unha das intervencións enfermeiras máis frecuentes e importantes na atención hospitalaria, non só por representar o último paso de moitos tratamentos, se non porque tamén pode supoñer una amenaza potencial para a seguridade dos pacientes se non se garanten todos os requisitos necesarios.

O crecente número de principios activos, nomes comerciais e peculiaridades de cada fármaco, obrigan a ter un amplo, e sempre actualizado, coñecemento sobre as condicións e características dos múltiples fármacos existentes, para ofrecer a medicación de maneira correcta e segura, unha das principais preocupacións actuais do persoal de enfermería.

Este traballo, elaborado por e para profesionais da enfermería, recolle recomendacións sobre as técnicas máis eficientes para a administración oral das distintas presentacións farmacéuticas, así como as posibles incompatibilidades con alimentos, manipulación especial, grupo terapéutico do fármaco e toda a información necesaria para garantir o adecuado uso do medicamento e a seguridade, tanto do paciente, como do profesional que o manipula e administra.

Ademais, as particularidades do traballo nas unidades de hospitalización e o nivel de esixencia requerido, xunto co grande volume de profesionais implicados e o cambiante entorno do medicamento foron determinantes á hora de que as súas autoras decidiran redactar esta guía, que constituirá un importante apoio e permitirá a todos os profesionais sanitarios garantir unha correcta administración dos fármacos vía oral.

Durante a presentación desta guía, a directora de Procesos Asistenciais de Enfermería da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte, María Jesús Pérez Taboada, resaltou que este traballo colaborativo “é unha mostra máis do compromiso dos traballadores do Sergas por mellorar a calidade, a atención e o nivel de excelencia que desexamos para todos os pacientes”.

Pérez Taboada explicou que esta guía constituirá “unha ferramenta moi útil, áxil e permanentemente actualizada, que reforzará a seguridade, a formación e a información dos profesionais da enfermería, minimizando os riscos e facilitando o traballo dos sanitarios implicados na administración de fármacos”.

Destinatarios

Segundo as autoras deste traballo, a guía non só está destinada a persoal de enfermería do ámbito hospitalario, senón tamén aos profesionais de atención primaria, centros sociosanitarios e mesmo coidadores, “que tratan a un gran número de pacientes polimedicados, pacientes crónicos, pacientes alimentados a través de sondas... aos que esta ferramenta de consulta rápida lles aportará información útil, que sempre vai repercutir en beneficio do paciente”, apuntaron.

Nas súas setecentas páxinas, a Guía de enfermería para la administración oral de medicamentos, aborda aspectos como as presentacións das formas farmacéuticas orais, as presentacións das formas farmacéuticas orais sólidas, técnicas de administración de medicación por sonda nasogástrica, manipulación de medicamentos citostáticos, administración de medicamentos con alimentación enteral, principios activos..., entre outros, constituíndo un volume de gran interés e axuda para os profesionais da enfermaría.