h1

Lugo, 28 de outubro de 2014.- O Servizo de Cardioloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti quedou finalista na súa especialidade nos premios anuais Best in Class (BIC), que organizan Gaceta Médica e a Cátedra de Innovación y Gestión Sanitaria da Universidad Rey Juan Carlos, e que este ano acadaron a súa novena edición.

Xunto ao Servizo de Cardioloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti estaban nominados os servizos homónimos do Hospital Universitario de Santiago de Compostela, do Hospital Quirón de Murcia, do Hospital Universitario de Guadalajara e do Hospital Universitario Marqués de Valdecilla (Santander).
Os premios Best in Class (BIC) teñen por obxectivo recoñecer publicamente e con carácter anual ao mellor centro de Atención Primaria, ao mellor hospital e aos mellores servizos e unidades do territorio nacional, tanto públicos como privados, en distintas especialidades sanitarias. Son, polo tanto, un recoñecemento expreso á calidade asistencial e a excelencia na atención aos seus pacientes que se presta neste servizo e un fin para dinamizar a integración da calidade asistencial na xestión dos hospitais e centros sanitarios españoles.
 
Esta é a segunda vez que o Servizo de Cardioloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti queda finalista nestes premios, aos que cada ano concurren máis de 500 candidaturas. “En cada unha das categorías apenas hai uns poucos hospitais finalistas, polo que ten moito mérito que o Hospital Lucus Augusti conseguirá volver a ser finalista co seu Servizo de Cardioloxía, pois significa que os profesionais do servizo o lograron colocar entre os mellores de España”, explica o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte, Antonio García Quintáns.
 
Ganadores e finalistas pasan a formar parte da Guía de Mejores Hospitales y Servicios Sanitarios, que se edita anualmente.
 
A concesión dos diferentes premios basease na puntuación obtida polos candidatos no Índice de Calidad Asistencial al Paciente (ICAP). O ICAP permite avaliar aos hospitais, unidades e servizos, e centros de saúde a partir duns criterios obxectivos segundo a modalidade do premio ao que opten.
 
A Cátedra de Innovación y Gestión Sanitaria da Universidad Rey Juan Carlos colabora neste proxecto establecendo un sistema independente e fiable que permite o seguemento da avaliación da calidade asistencial. As distintas sociedades científicas colaboran na elaboración e actualización dos cuestionarios que serven para avaliar a calidade en cada unha das categorías que se convocan.
 
Estes galardóns, que recoñecen aos mellores centros sanitarios do noso país en calidade de atención ao paciente, cobran cada vez máis importancia e protagonismo dentro do sector sanitario, o que queda reflictido no feito de que edición tras edición se produce un incremento de candidaturas presentadas.
 
Máis dunha vintena de profesionais
O Servizo de Cardioloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti conta con máis dunha vintena de profesionais sanitarios e non sanitarios. Deles, 16 son persoal facultativo, que contan co apoio doutros profesionais (enfermería, auxiliares…).
 
Cada ano, os profesionais deste servizo hospitalario atenden máis de 16.000 consultas, das que arredor de 3.600 corresponden a primeiras consultas e o resto a revisións ou consultas de seguemento e controis. Ademais, este servizo contabiliza anualmente unha media de preto de 1.500 ingresos hospitalarios e máis de mil consultas de alta resolución.
 
A eficacia, a calidade asistencial e a alta resolutividade deste servizo, xunto coa boa valoración dos pacientes atendidos no mesmo, foron os que o fixeron merecedor de atoparse entre os mellores servizos de cardioloxía hospitalarias de España.

 

Documentos relacionados Documentos relacionados